Sunday 19 de May de 2024

Recepción da corporación municipal de Fene á Coral Polifónica de San Valentín


O alcalde de Fene, Juventino Trigo, e a concelleira de Cultura e Ensino, Amalia García, presidiron este mediodía no Salón de Plenos da Casa do Concello de Fene o acto de recepción oficial aos membros da Coral Polifónica de San Valentín, con motivo da celebración do 35º aniversario da agrupación. Neste acto, ao que asistiron boa parte dos concelleiros/as da Corporación Municipal, fíxoselle entrega aos compoñentes da coral dun agasallo conmemorativo do Concello de Fene.

Durante a súa intervención, o alcalde de Fene quixo transmitir, en nome propio e no da Corporación, “os seus parabén por estes trinta e cinco anos levando `no bico un cantar’ e proxectando a parroquia de San Valentín e o noso Concello por diferentes escenarios de toda Galiza e mesmo do Estado español”. Tamén fixo fincapé Juventino Trigo no necesario recoñecemento “a todas aquelas persoas que hoxe non están con nós e que formaron parte ou contribuíron dun ou doutro xeito a esta longa andaina da Coral Polifónica de San Valentín”.

“Consciente das dificultades que comporta poñer en marcha calquera proxecto ou iniciativa e, sobre todo, do enorme esforzo que supón darlle continuidade e mantela no tempo”, o primeiro rexedor fenés concluíu a súa intervención brindando o apoio e a colaboración do Concello de Fene á Coral Polifonica de San Valentín de cara ao futuro. O acto finalizou coa entrega, por parte da concelleira de Cultura e Ensino, Amalia García, dun agasallo conmemorativo do Concello de Fene aos compoñentes da coral presentes.

Trala recepción municipal na Casa do Concello, mañá sábado ás 20 horas, a Coral Polifónica de San Valentín celebrará o seu 35º aniversario no salón de actos do CPI A Xunqueira, acto ao que convida a todos os veciños e veciñas de Fene e comarca e no que tamén actuará -amais da anfitriona- a Coral Airiños de Quenxe, de Corcubión.